ciencias

5/17/2025

FESTA DAS LETRAS GALEGAS

    O CEP Pedro Caselles Beltrán celebrou este venres a súa festa das letras galegas, este ano cunha auténtica troula para homenaxear as cantareiras galegas, a quen vai adicado este ano o día das Letras Galegas. As nosas portas abríronse as familias para que se uniran a troula. 
    Comezamos cun festival na que houbo bailes, cancións, dramatizacións e pinceladas sobre as cantareiras e o seu legado para a lingua e patrimonio galegos. 
     Rematado o festival momento emotivo no que se deu a coñecer o pingüín gañador do concurso organizado polo 2º Ciclo e se descubriu a pancarta do 50 aniversario deste colexio que decorará por un tempo a nosa fachada. 
     E xa como remate troula, música e baile galegos a cargo de músicos da comunidade educativa. Comezaron as pandereteiras do Maragozo amenizando a festa, despois seguiron os membros da treboada "La Bravesca" aos que se uniron mestras, nenos, nenas e algúns familiares cos seus bombos, gaitas e pandeiretas,e... festa rachada. Foron as letras galegas máis divertidas da historia do Caselles. 
    Dende o CEP Pedro Caselles queremos agradecer as pandereteiras do Maragozo e a treboada La Bravesca a súa colaboración desinteresada neste festival das letras galegas.
     As nenas e nenos de sexto foron os encargados da reportaxe fotográfica do evento que podedes ver premendo AQUÍ. 
    E xa só nos queda desexar MIL ANOS MÁIS PARA O GALEGO!!!

 

4/11/2025

FESTA DA PRIMAVERA

     Como despedida do trimestre as nenas e nenos do CEP Pedro Caselles tiveron unha xornada moi especial. Unha "vixaina", Garabiza, estivo de visita no colexio e preparoulles unha actividade moi especial compinchada con algunhas profes do centro. 

    Garabiza agochou por todo o patio ducias de bolsiñas con colgantes cheos de maxia que nenas e nenos tiveron que buscar atendendo a unha serie de normas. O comportamento dos equipos foi exemplar, Garabiza estará feliz. Para rematar coas bolsiñas atopadas cada neno e nena fixo un colar. Podedes ver máis fotos premendo  AQUÍ




    Tamén aproveitamos para celebrar o día das artes galegas aprendendo algunhas cousiñas de Isaac Díaz Pardo e facendo un marcapáxinas na súa honra.



2/28/2025

ENTROIDO 2025

 

    Espléndido día para celebrar o Entroido no Caselles. Un entroido moi festeiro, porque este ano fomos de troula. Abriu o desfile a festa do Alivio, cos anxiños, as maiordomas, as autoridades, os fogueteiros e a comisión, que ata levou a toura para vender as rifas; detrás as rosquilleiras cunhas rosquillas do máis enxebre; seguía a banda de música, pois é algo que non debe faltar nunha festa; por se non es de bandas, a seguir ían os DJ, os mellores de Tomiño; tampouco faltaron as "pulpeiras" con moito polbo para vender, algo careiro, iso si; e como peche de ouro os festeiro e festeiras dispostos a troulear ata que o corpo aguante. 
 Rematamos o día collendo forzas cunha chocolatada no patio de recreo. 
 Podes ver tódalas fotos premendo na imaxe.


2/21/2025

DÍA DE ROSALÍA 2025

    Igual que cada ano, no Pedro Caselles, celebramos o día de Rosalía. Como o 23 cae en domingo, decidimos facelo este venres. Tódolos nenos e nenas do Caselles se xuntaron para facer un mural cooperativo. Centos de imaxes  de vivas cores celebraron  a Rosalía máis festeira. 
    A propia Rosalía fixo acto de presencia para escoitar os seus poemas na voz dos nosos nenos e nenas, poemas de "Cantares Gallegos" que pasaron a formar parte do noso mural "A nosa Rosalía festeira"
    Nun ambiente festeiro Rosalía de Castro reivindicouse ante o noso alumnado como galeguista e feminista, pediulles que comezaran a falar galego e pediulles que lle cantaran "Parabéns pra voçe",  a cantiga de aniversario que máis lle gusta.
    Foi un acto emocionante e divertido, alentando a lenda da nosa gran Rosalía.
Para ver máis fotos preme AQUÍ.





1/30/2025

DÍA DA NON VIOLENCIA E DA PAZ 2025

 

    Hoxe, 30 de xaneiro de 2025, as nenas e nenos do Caselles celebramos o noso acto pola Paz neste Día Escolar da Non Violencia e da Paz. Fixemos unha andaina silenciosa por aqueles que non teñen tanta sorte coma nós e, despois, lemos os manifestos pola paz que cada curso fixo. Logo eses manifestos pasaron a formar parte do noso mural da Paz. 
     Tamén aproveitamos a significancia da data para facer unha colecta en favor SOGAPS, unha asociación de axuda ao Sáhara, que se encarga cada verán de traer nenas e nenos a pasar aquí unhas pequenas vacacións. 
 Podedes ver máis fotos premendo na primeira imaxe.





10/30/2024

SAMAÍN 2024

    Polo Samaín os nosos cativos e cativas puxéronse do máis creativos! Disfraces apaixonantes, merendas terroríficas, relatos de medo, debuxos arrepiantes, cabazas do máis creativas... 🎃

Grazas, familias, pola vosa participación e implicación en todas as actividades que facemos!

Podedes ver fotos dos disfraces e cabazas premendo na foto




6/11/2024

VIXAINAS, O GALEGO TEN MAXIA

     As vixainas son unhas criaturas máxicas namoradas do galego. Este curso visitaron o Caselles a ver se convencían aos nosos nenos e nenas para falar esta fermosa lingua, porque o galego ten maxia. Elas saben que se morre o galego, morre tamén a maxia da nosa terra.

Podes velo premendo AQUÍ