ciencias

11/30/2009

Xornadas da USC

O futuro do galego pasa polo seu papel no ensino
Expertos en lingua e educación debateron en Compostela nunhas xornadas en que Anxo Lorenzo adiantou aspectos do novo decreto.
Redacción - 12:15 30/11/2009
Tags: Anxo Lorenzo ensino lingua USC xornadas
Potenciar o papel do galego como lingua vehicular do ensino foi a proposta en que coincidiron a meirande parte dos relatores das xornadas Linguas e Educación en Galicia, que se desenvolveron na Universidade de Santiago de Compostela. Na última xornada, Mercedes Suárez Pazos, profesora da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense fixo fincapé na introdución da lingua nas novas tecnoloxías, como é o caso das ferramentas educativas.Francisco Candia, da Escola de Formación do Profesorado de Lugo propuxo un plan executivo que tivese un carácter "vinculante flexíbel e adaptado a centros, departamentos ou docentes", mentres que Ignacio Palacios, da Facultade de Filoloxía da USC, avogou por aproveitar as posibilidades do Espazo Europeo de Educación Superior para introducir as linguas.O ciclo pechouno o profesor da USC José Manuel Vez, que analizou a globalización lingüística no contexto europeo e como "evitar as relacións asimétricas" e convivir "co idioma elefante, o inglés".O novo decretoNa xornada do venres, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, anunciou que "nas próximas semanas" se publicaría o novo decreto sobre a lingua no ensino, do que dixo que pretende "ofrecer garantías dun coñecemento semellante nas dúas linguas oficiais" e "promover a extensión do uso da lingua galega e fomentar activamente o galego nas actividades educativas e na sociedade".Lorenzo adiantou que no novo decreto terá "un papel moi importante" a presenza dos idiomas estranxeiros, e aspirará a facilitar a adaptación do novo marco legal aos diferentes contextos: os centros, a situación lingüística e a competencia do profesorado. Tamén fixo fincapé na importancia de contar co consenso dos sectores sociais implicados e en explicarlle á sociedade os seus principais puntos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario